Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Novo equipo decanal da Facultade de Dirección e Xestión Pública
Novo equipo decanal da Facultade de Dirección e Xestión Pública

O profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Fernando Martínez foi elixido este mércores novo decano de Dirección e Xestión Pública, nunha votación na que a candidatura que encabezaba, a única presentada no procedemento electoral aberto no centro, recibiu un respaldo unánime da Xunta de Facultade. “Como unha honra e como unha responsabilidade, que asumimos desde a humildade” recibiu Martínez Arribas o apoio a unha candidatura que completan os profesores Sara Torres, Óscar Briones e Bruno González e que recibiu o voto favorable das e dos 15 integrantes da Xunta de Facultade –integrada a día de hoxe por 18 persoas-, que participaron na votación. Como principais “retos” deste mandato de seis anos, Martínez sinalou a consolidación da facultade, tanto no eido institucional como en materia de captación de alumnado, o fomento da innovación e da internacionalización e a empregabilidade das e dos titulados.

Doutor en Dereito Público e Teoría do Estado pola Universidade de Santiago de Compostela, Martínez Arribas é profesor da UVigo desde o ano 2012 e integrante do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3. Despois de exercer como coordinador do Grao en Dirección e Xestión Pública os últimos dous anos, tomará o relevo á fronte do Decanato do profesor Enrique Varela, quen en 2022 foi elixido primeiro decano da, por aquel entón, recentemente creada Facultade de Dirección e Xestión Pública, tras exercer como decano comisario desde 2020, no proceso de constitución deste centro.

Nese senso, Martínez abriu a súa intervención cun agradecemento “ao actual equipo decanal, que puxo en marcha a facultade”, destacando o seu “gran traballo”. Deste formaban parte tanto Sara Torres, quen asumirá o videcanato de Captación, Igualdade e Mobilidade, e Óscar Briones, quen se responsabilizará neste mandato do vicedecanato de Calidade, Innovación, Empregabilidade e Sostibilidade. Completa o equipo o profesor Bruno González, como secretario académico.

Diferentes retos, co “alumnado no centro”

Na súa intervención, Martínez Arribas abordou algunhas das áreas de traballo que centrarán o labor do novo equipo decanal, pondo o foco en cuestións como a captación de alumnado, un ámbito no subliñou o “gran traballo” realizado ata o de agora e que se reflectido “nuns números de matrícula francamente bos nos últimos anos”, como a incorporación este curso de preto de 60 estudantes de novo ingreso, sumando as modalidades presencial e virtual do grao. “Mais, a baixada demográfica prevista para os próximos anos fai que haxa que ser prudentes e, sobre todo, facer un intenso traballo neste campo”, engadiu o novo decano. Martínez puxo de relevo a necesidade de seguir “potenciando a internacionalización, especialmente co ámbito da lusofonía e de América Latina”. Isto levouno a destacar a consecución dun convenio para o recoñecemento mutuo de créditos coa Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD) de Colombia e o obxectivo de renovar o existente anos atrás coa Universidade de Sao Paulo, xunto con propostas como tratar de organizar un programa de intercambio BIP.

No ámbito de calidade, lembrou que nos próximos anos o centro deberá renovar as acreditacións dos seus títulos “e haberá que ir dando pasos neste sentido”, ao tempo que puxo o foco na aposta do equipo pola igualdade e a sostibilidade. Outros dos “bloques fundamentais”, engadiu, será seguir traballando nos ámbitos da virtualización e da innovación nunha facultade que foi a primeira en implantar un grao con modalidade virtual. En materia de empregabilidade, lembrou que “nos últimos tempos déronse paso moi importantes”, no referido á que as administración públicas recollan o perfil de Dirección e Xestión Pública nas súas convocatorias de emprego público, un eido no que será preciso manter “un esforzo continuo de fiscalización”, engadiu. Do mesmo xeito, defendeu a necesidade de “seguir conectando e traballando con administracións públicas, sector privado e terceiro sector”, así como de “fortalecer” a colaboración co alumnado e o persoal técnico de xestión e administración de servizos. Neste punto, recalcou a necesidade de ampliar o tempo no que o Decanato dispón de persoal administrativo, como unha das cuestións que trasladarán ao equipo de goberno da UVigo, xunto coa busca de “alternativas para corrixir a exclusión da facultade do Campus Crea”. 

“Debemos continuar situando o alumnado no centro”, concluíu Martínez, quen puxo en valor a “alta valoración” obtida polo grao e mestrado da facultade nas enquisas de satisfacción do alumnado. Neste punto, o novo decano sinalou tamén o reto de “tratar de reducir a taxa de abandono”, así como de “aumentar o coñecemento” do grao entre o alumnado de bacharelato e formación persoal e entre o propio persoal das propias administracións públicas, “canteira do grao virtual”.

Ler a nova completa no DUVI