O decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Fernando Martínez, e o vicedecano Óscar Briones mantiveron este martes unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e a secretaria xeral, Patricia Vilán, dirixida a explorar posibles vías de colaboración en ámbitos como a formación do persoal público ou a investigación centrada nas administracións locais. Como explicou Martínez Arribas, tratouse dunha “primeira toma de contacto” do equipo decanal coa entidade asociativa que agrupa os 313 concellos galegos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades locais menores existentes no ámbito territorial de Galicia.
Nese senso, o encontro permitiu aos responsables da facultade para solicitar a colaboración da Fegamp na difusión entre as administracións locais dunha demanda dos graduados e graduadas en Dirección e Xestión Pública, como é a incorporación desta titulación aos perfís que permiten concorrer ás oposicións a técnicos de administración xeral. “Somos o único grao das universidades galegas que ten unha materia de carácter obrigatorio sobre dirección pública nos gobernos locais”, lembrou o decano, que explicou que outro dos propósitos desta xuntanza era trasladar aos responsables da federación o papel que pode xogar este centro na formación de persoal público “no ámbito da dirección pública a nivel local”. Neste punto, o decano agradeceu a boa disposición dos responsables da Fegamp, nunha xuntanza na que avaliouse a posta en marcha dun futuro acordo de colaboración que contribúa a "facer da facultade un centro de referencia en materia de dirección pública". Ao mesmo tempo, abordouse tamén a posiblidade de que o alumnado do grao poida realizar prácticas na Fegamp.
Outra das cuestións que Martínez e Briones trasladaron a Varela e Vilán foi a posibilidade de pór en marcha “liñas de traballo e colaboración” coas administracións locais en materia de investigación. Neste punto, o decano lembrou que a facultade e o grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 desenvolven diferentes estudos e publicacións centrados no ámbito local, en materias como a situación dos recursos humanos, dirección pública, sostibilidade local ou dixitalización nas entidades locais, entre outras.